Ánxela Lema París (Muros, 1991)
Atlántica, ex-céntrica e hiper(in)tensa diagnosticada.
Cando aprendeu que non se trataba do que, nin do canto, senón do como, decidiu lanzarse a navegar a vida como o corpo e o corazón lle pedían: de maneira horizontal. O seu sindicato son as amigas. Encántalle recoller margaritas cando está a marea baixa e compartilas con moito mimo cos amores da súa vida. Cálmalle saber que, pase o que pase, Monte Louro sempre vai estar aí.
Sara Villar Aira (Silleda, 1995)
Intensa e moi sentida, naceu e medrou atravesada pola N525, ao lado do río pero fascínalle o mar. Ex-céntrica, aprendeu que é o querer o que constrúe os fogares e, así, ten a sorte de vivir na casa máis grande do mundo. Gústanlle os guindastres porque desexa ser sempre en construción, sen versión definitiva, e os tellados porque se ven os sitios desde outro lugar. Quere vivir sempre na hora do vermú e non parar de bailar nunca.