Graduada en Estudos de Galego e Español na Universidade de Vigo, posgraduada en Xestión e Planificación Editorial, formouse en xestión cultural, improvisación teatral, técnica vocal, teatro, escritura creativa e creación poética.
Desde hai anos desenvolve propostas a través da spoken word e a poesía escénica, entre as que destacaron Dúas Gamberras e un Micro (A revolución das mulleres floreiro [2016], Hocus Pocus: cousas de meigas [2019]) ou pezas como Campo de Batalla [2017] de Grupo F.
Interveu, ademais, en múltiples festivais e eventos poéticos nacionais e internacionais:
IV Poemagosto-Festival Internacional de Poesía en Allariz, IV Ponme un Poema-Roteiro poético pola vila de Allariz, XX Certame Internacional de Regueifas 2017, IV Encontro de mulleres creando no XI Festival Internacional de Teatro de Ourense 2018, Sacavera Sound-Panorama de Poétiques Anfibies 2018 e 2019, PAN-Encontro e Festival Tranfronteiriço de Poesia, Património e Arte de Vanguarda no Meio Rural 2018, Spoken Word Bilbao 2018, Alguén que respira! II Festival de Poesía para Corpo Principal 2019, Mulleres en acción. Violencia Zero 2020, #Por Xela 2021 etc.
Realizou traducións ao galego e adaptacións para a escena de autores como Federico García Lorca, Saramago ou Anne Sexton, tamén para o audiovisual (Palmira [2017] de Diana Gonçalvez, La mujer Invisible [2017] de Noemí Chantada).
Os seus textos están recollidos en proxectos como Artistas [2018] de David Amoedo (Davida), en antoloxías poéticas como Dentes para a mazá (Chan da Pólvora [2018]) ou Trobeir*s do Século XXI [2019]. No 2019 publicou o seu poemario Sutura coa editora galego-brasileira Urutau .
Colaborou na organización e produción de distintos eventos culturais vencellados á arte e á cultura. Interveu como colaboradora na revista Tempos Novos. Impartiu aulas de lingua, cultura e literatura galega como lectora na Universidade de Estremadura, un curso de Escrita e Tradición literaria galega na escola de escrita creativa Aliteraclara, amais de diversos obradoiros de creación relacionados coa literatura e a escena.
No 2019 funda xunto a Davida o selo Edicións e Producións Fetiche que, actualmente, dirixe.